O Goberno español mentiu de xeito reiterado sobre a suspensión de vendas de armas a Israel.
- O Ministro de Exteriores, José Manuel Albares, afirmou no Congreso dos Deputados e máis recentemente, na Cadea Ser, que non se producen ditas exportacións dende o 7 de outubro.
- Así a todo, segundo a información recollida polo Centre Delàs publicada en elDiario.es, no portal DataComex, unha web da Secretaría de Estado de Comercio Exterior, móstrase que o Estado español exportou municións a Israel por un millón de euros o mes de novembro de 2023.
Dende a campaña Fin ao Comercio de Armas e a RESCOP denunciamos a complicidade e o engano por parte do goberno á sociedade civil española, que leva meses demandando medidas efectivas para deter o xenocidio na Franxa de Gaza e a imposición dun embargo militar bidireccional a Israel.
Tras a decisión da Corte Internacional de Xustiza de impoñer medidas cautelares a Israel, como resposta da demanda de Suráfrica acusando a Israel de xenocidio, puidemos escoitar a diferentes portavoces do Executivo, entre eles o Ministro de Asuntos Exteriores, facer chamamentos “a respectar e cumprir estas medidas na súa integridade”. Entre as medidas sinaladas, o Ministro tamén fixo alusión a un alto ao fogo para “unha desescalada e un cese da violencia”. O envío de material bélico a un exército que asasinou nas últimas semanas a máis de 30.000 persoas só contribúe ao aumento da violencia.
Despois do argumento do goberno de que se trata de licencias aprobadas antes do 7 de outubro, recordamos que isto non impide nin exime ao goberno de poder revocar o permiso se existen indicios racionais para facelo, tal e como establece o regulamento de control do comercio material de defensa español. En ningún caso, dita venda estaría xustificada. DataComex tamén mostra que en novembro de 2023 o Estado español foi o país da Unión Europea que máis exportou, representando o 52% do total de exportacións da Unión Europea.
Asemade, é importante destacar que dende o 7 de outubro o goberno español non parou de comprar armamento e produtos de seguridade a Israel. Unha das empresas ás que máis merca é á israelí Elbit Systems que vende e anuncia os seus produtos baixo a marca “probados en combate” e da cal o Estado español mercou, nos últimos meses, armamento por valor de 705 millóns de euros. Con este diñeiro finánciase o xenocidio contra o pobo palestino na Franxa de Gaza.
O Goberno anunciou tamén o seu incremento de axuda á UNRWA, pero de pouco serve mentres envía armamento que podería ter asasinado a persoas palestinas.
Toda esta información pon en evidencia, unha vez máis, a complicidade do goberno co réxime de apartheid israelí. O xenocidio e o apartheid só son posíbeis coa complicidade e os apoios internacionais, coma o ofrecido polo Goberno español a través da compravenda de material armamentístico. Vender e mercar armas, munición ou tecnoloxía de seguridade a Israel non só é comerciar con produtos que se van usar ou que están construídos sobre flagrantes vulneracións de dereitos humanos, é pasar a ser parte activa e cómplice de crimes de guerra e crimes contra a humanidade, é fortalecer a inxustiza, a discriminación, represión e o xenocidio, é dicir, converterse en cómplices da larga historia de vulneracións de dereitos humanos contra o pobo palestino.
Dende a RESCOP e a campaña pola Fin ó Comercio de Armas con Israel ESIXIMOS:
- Unha comparecencia urxente do Ministro de Exteriores, José Manuel Albares e da Ministra de Defensa, Margarita Robles, para explicar as reiteradas mentiras sobre a venda de armas a Israel e o evidente incumprimento da lei española de armas.
- Transparencia absoluta sobre todas as transferencias de armas a Israel, estado que está sendo investigado por xenocidio pola Corte Internacional de Xustiza.
- A fin da compravenda de armas a Israel para non ser cómplices do xenocidio na Franxa de Gaza nin coa ocupación e o apartheid en Cisxordania, Xerusalén e a Palestina do 48.
- A rotura das relacións co réxime de ocupación e apartheid israelí.
No ANEXO 1 pódese atopar o listado de transferencias de armas do Estado español (compras e vendas) a Israel dende o 7 de outubro de 2023. Esta documentación é froito da investigación realizada polo Centre Delàs.
O martes 13 de febreiro organizamos o acto ¿Por que é preciso un embargo de armas a Israel? No Círculo de Belas Artes en Madrid. Contaremos con Shir Hever experto en tecnoloxía militar israelí, Alejandro Pozo investigador do Centre Delàs, Agustin Yanel da Federación de Sindicato de Xornalistas, e Hania Faydi, palestina da diáspora.