25 BARCOS CON MATERIAL MILITAR PARA ISRAEL FIXERON ESCALA EN ALGECIRAS
- Case 13.000 toneladas métricas de material militar pasaron en 25 barcos polo Porto de Alxeciras só entre os meses de maio e setembro deste ano. 1.185 envíos procedentes de EEUU para o Ministerio de Defensa de Israel.
- Dende a RESCOP, esiximos ao Goberno español un rexistro sistemático de todos os barcos con destino a Israel e a imposición dun embargo militar completo.
Os portos españois están a ser usados para o tránsito de material militar con destino a Israel, a pesar da suspensión declarada polo Goberno. Polo menos 25 cargueiros fixeron escala en Alxeciras dende maio ata setembro de 2024, segundo datos obtidos por Progressive International e publicados hoxe en eldiario.es. Isto reflicte unha grave contradición na postura oficial do Goberno español. Dende a Rede Solidaria contra a Ocupación de Palestina esíxese un rexistro sistemático de todos os barcos con destino a Israel e un embargo militar completo.
Trátase dunha ruta continuada; detectáronse máis de mil traxectos con escala no porto andaluz. Equipamento militar, vehículos, placas blindadas ou corpos de proxectís son algúns dos materiais que se transportaron cara a Israel con parada en Alxeciras.
No último mes, o Goberno do Estado español deu pasos na dirección correcta. Grazas á presión popular, nin Israel nin empresas israelís participarán en FEINDEF, a maior feira de armas no Estado español. Tamén o Goberno cancelou unha compra millonaria de defensa a empresas israelís. Pero, dada a gravidade do xenocidio israelí contra o pobo palestino, estas medidas resultan insuficientes.
Dende a RESCOP lévase denunciando en reiteradas ocasións o tránsito de barcos cargados de armas e material militar que abastecen ao réxime colonial, xenocida e de apartheid israelí.
O pasado mes de maio, o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares afirmaba que se denegarían as licenzas de tránsito e recentemente Pedro Sánchez dicía que “sen armas non hai guerra”. Porén, o porto de Alxeciras foi, durante estes meses, unha porta de entrada de material militar para apoiar este brutal xenocidio.
Israel só pode levar a cabo estes crimes co apoio e a complicidade internacional. Por iso, dende a RESCOP:
- Esiximos ao Ministerio de Transportes, encabezado por Óscar Puente, que desenvolva un Protocolo de inspección sistemática para todos os barcos con destino a Israel que transiten polo noso territorio.
- Esiximos ao Goberno español que impoña un embargo militar completo e inmediato a Israel e que cumpra coas obrigas derivadas do dereito internacional de non asistir a graves vulneracións de dereitos humanos, crimes de guerra, crimes de lesa humanidade ou o crime de xenocidio.
Neste enlace pódese acceder ao briefing realizado por Progressive International e Palestinian Youth Movement cos datos sobre o tránsito de material de defensa polo Porto de Alxeciras.